Os participantes no ciclo Medicina Gráfica

06 Nov, 2019

Tags: ilustración, ilustración coruñesa, banda deseñada, BD e saúde, exposición, mesas redondas, charlas,

Autores e autoras de banda deseñada que contan as súas experiencias persoais como pacientes, e tamén como médicos, e profesionais da medicina que promoven edicións ou o emprego da banda deseñada para difundir conceptos médicos, tanto para outros profesionais como para pacientes de todo tipo. Eses son os perfís dos convidados ao ciclo Medicina Gráfica promovido polo programa Coruña Gráfica.

 

Mónica Lalanda

Mónica Lalanda é médica de urxencias, comunicadora e ilustradora. Pioneira do concepto «medicina gráfica» en España, en 2016 publicou Con-ciencia médica (LID Editorial), un libro de cómics para médicos e pacientes. Ademais, é organizadora do Congreso de Medicina Gráfica de Zaragoza.

 

Juan Sánchez-Verde

Juan Sánchez-Verde é parte de Yo, Doctor, xunto con Guido Rodríguez de Lema Tapetado. Médicos de urxencias ambos, eran tamén afeccionados ao debuxo e en 2018 formaron yodoctor.es, onde traducen en ilustracións as súas inquietudes e experiencias. Teñen publicado unha novela gráfica, El club de las batas blancas (Random House).

 

César Pereiro

César Pereiro é psiquiatra e doutor en medicina, ten participado en varios proxectos de investigación e foi premiado en varias ocasións. Ademais de autor de libros, monografías e artigos, ten participado na publicación de varios cómics relacionados coas adiccións e as psicoses, como El ritmo de los sonidos.

 

Santy Gutiérrez

Santy Gutiérrez ten creado ilustracións para multitude de obras de literatura infantil e xuvenil, libros de texto, carteis, publicidade, cómic e deseño téxtil, así como millares de viñetas de humor gráfico e caricaturas para a prensa nacional. É un dos autores do cómic sobre a esquizofrenia El ritmo de los sonidos.

 

 

Luis Sendón

Luis Sendón é ilustrador e é autor de BD con varios álbums publicados. En 2005-2006 debuxou, con Diego Sendón e con guión de César Pereiro, os dous volumes do cómic Controla, sobre os riscos no consumo de drogas inxectables. O cómic El ritmo de los sonidos, con Santy Guitiérrez e Antonio Grimalt e idea orixinal de César Pereiro, trata sobre a esquizofrenia.

 

Miguel Gallardo

Miguel Gallardo colabora como ilustrador en medios como La Vanguardia, Herald Tribune ou New York Times. Como autor de cómic ten publicado numerosos álbums, con series como Makoki, e historias independentes. Entre elas, María y yo, sobre a súa filla con autismo; foi adaptado ao cinema e tivo unha continuación, María cumple 20 años. Ten dirixido ademais varias curtametraxes de animación sobre o autismo. No ciclo Medicina Gráfica presentaremos a súa nova curtametraxe, nesta ocasión sobre dano cerebral adquirido, realizada para a Federación Galega de Dano Cerebral.

 

Cristina Durán

Cristina Durán é autora de cómics e ilustradora. Ten publicado xunto a Miguel Á. Giner Bou varias novelas gráficas de marcado contido social, polas que ten recibido diversos premios. Entre elas destaca Una posibilidad, que relata a experiencia coa súa filla, que sufriu graves danos cerebrais na fase de posparto.

 

Miguel Á. Giner Bou

Miguel Ángel Giner Bou é guionista de cómics e ilustrador. É, ademais, profesor de guión e narrativa na Facultade de Belas Artes da UPV. Ten publicado xunto a Cristina Durán varias novelas gráficas, como Una posibilidad, sobre o nacemento da súa filla con dano cerebral.

 

 

Bea Lema

Bea Lema é debuxante de cómics e ilustradora. En 2017 recibiu o XII Premio de Banda Deseñada Castelao da Deputación da Coruña coa obra O Corpo de Cristo, a súa primeira novela gráfica, un proxecto autobiográfico que trata a enfermidade mental desde a perspectiva dunha nena.

 

Juan Bonome

Juan Bonome é psicólogo, e traballou para a AFACO (Asociación de Familiares de Enfermos de Alzheimer da Coruña) e actualmente para o Comité Antisida da Coruña (CASCO). Afeccionado desde moi novo á lectura de banda deseñada, tamén a utiliza no seu labor profesional, como ferramenta didáctica e terapéutica.

 

Fotos: Marcus Fernández, César Quian / LVG, Alberte Peiteavel, Juan Sánchez-Verde, Andrea Rodríguez, Juanjo Laudes