Coruña Gráfica é un proxecto desenvolvido polo Concello da Coruña con dúas finalidades, o censo de autores profesionais locais do sector gráfico da ilustración e a súa promoción laboral, tendo en conta o rico panorama con que contamos na actualidade e a necesidade de potenciar a creación e os servizos dos nosos autores nun contexto de auxe artístico que contrasta co detrimento do escenario laboral.
 
Para esta publicación foron convocados 95 autores, coa participación de case a totalidade, exceptuando varios casos illados de artistas que xa non están vinculados ao sector profesional ou que non puideron chegar dentro do prazo requirido; para estes e outros que vaian sumándose quedará aberta a posibilidade de unirse á versión dixital do proxecto, xa que este pretende ser aberto, perdurable e completo para que A Coruña sexa unha cidade pioneira en iniciativas deste perfil.
 
As premisas para sentar as bases da convocatoria foron que os participantes nacesen na Coruña ou na súa área metropolitana ou ben tivesen unha forte vinculación con ela por residiren ou traballaren nela, e que contasen con experiencia profesional ou unha mínima bagaxe certificada con obras publicadas, premios ou a propia calidade dos seus traballos. Deste xeito o libro reúne diversas xeracións que nalgún caso levan exercendo a profesión na cidade desde a década dos anos setenta do pasado século. Esta mostra constitúe unha boa proba tamén da diversidade de estilos que o panorama local ofrece.
 
Cada ficha de autor inclúe unha breve referencia biográfica, algunhas obras destacadas e premios recibidos, varias formas de contacto e dúas ilustracións de exemplo, escollidas polo propio ilustrador/a. Na parte superior, indícase mediante símbolos as áreas en que traballa (ilustración en xeral, banda deseñada, animación ou humor gráfico).
 
Quixemos facer constar tamén, a modo introdutorio, unha serie de breves artigos que apuntan notas sobre a evolución profesional do sector gráfico da ilustración local desde os inicios do século xx. Esta retrospectiva percorre a evolución desde os primeiros traballos de ilustración editorial realizados nas primeiras grandes imprentas coruñesas, pasando polos pioneiros da banda deseñada galega na década dos setenta e, xa chegados a finais de século, polas primeiras producións de animación na cidade, para concluír no panorama actual que ofrece este libro.
 
Para completar os contidos, e dentro desa intencionalidade profesional, inclúese unha breve guía de boas prácticas destinada a clientes que pretendan contratar os servizos profesionais dos autores que recolle a guía.

 

As fotografías

As fotos deste proxecto foron realizadas ex profeso en varias sesións en outubro de 2015 polo fotógrafo Alberte Peiteavel en instalacións municipais coruñesas de tipo cultural: a Fundación Luís Seoane (Cristo Aleister, María Álvarez ‘Yupiyeyo’, Carlos Arrojo, Txema Mora, Uxía Pin, David Pintor), o Centro Ágora (Marcos Calo, Lucía Cobo, Virginia Curiá e Tomás Conde, Santy Gutiérrez, Emma Ríos, Alberto Taracido), o Fórum Metropolitano (Marta Álvarez, Xosé Cobas, Alberto Guitián), Palexco (Guillermo Arias, Rebeca V. Bernardo ‘Perdivel’, Brais Rodríguez, Sekone, Diego Sendón), a Casa das Ciencias (Marcos B, Álvaro López, Irene Sanjuán), a Casa Museo Casares Quiroga (Diego Blanco, Gairah Love, Luis Usón), a Casa Museo Pablo Picasso (Aurora Cascudo Román, Iria do Castelo, Paula Mayor, Roberto M. Soler), a Casa Museo María Pita (Yago GR, Dani Montero, Javi Montes, Jorge Peral), a Biblioteca do Castrillón (Fernando Castro, Iria Fafián, Luis Sendón, Josiño Souto Santé), a Biblioteca de Monte Alto (José Domingo, Roi Paz, Pinturero, Xulia Pisón, Martín Romero), a Biblioteca de Estudos Locais (Paula Esteban, Rubén Mariño, Borja López Cotelo e María Olmo Béjar), a Biblioteca da Sagrada Familia (José Gimeno, Fernando Llorente, Roque Romero), a praza do Humor (Siro López), o Museo Arqueolóxico (Sonia Corral, Manel Cráneo, Miguel Cuba, Talía García ‘Perrilla’, Carlos Rodil ‘Rodouyeha’), o Aquarium Finisterrae (Suso Cubeiro, Miguelanxo Prado, Marina Seoane) e a Domus (Jano, Calros Silvar, Alberto Vázquez).

Para a ampliación de 2017, Alberte Peiteavel efectuou novas sesións na Fundación Luís Seoane (Uxío Broullón, Gaudino, Antón Lezcano, Pepe Mansilla, Álvaro Valiño e Manu Viqueira) e no Centro Ágora (A. Almau, Mateo Alvarellos, Cristina Ayala, Cristian F. Caruncho, Héctor Francesch, Juan David Guevara, Manuel Lariño, Bea Lema, Oreli Pello e Inés Vázquez).