Exposición de cómics da colección de Ton Pedraz

«Bang! 1940-2020. Evolución do cómic western»

Ata o 20 de setembro de 2021, na Casa Museo Picasso da Coruña

28 Xul, 2021

Tags: banda deseñada

A exposición BANG! 1940-2020. Evolución do cómic western reúne unha escolma de máis dun centenar de publicacións do coleccionista coruñés Ton Pedraz.

Amósase aquí, nun percorrido de oitenta anos, a evolución deste xénero, tanto no plano temático como no estético: desde os guións máis clásicos deste tipo de aventuras ambientadas no afastado oeste, en que primaban os elementos exóticos, ata un western máis actualizado, mellor documentado, que aborda as súas historias cun maior grao de realismo e complexidade.

A mostra inclúe exemplares de historias autoconclusivas e tamén de coleccións de series clásicas como Tex, Blueberry, McCoy, Ken Parker, Durango, El Llanero Solitario etcétera. Con elas, o western pasou de ser producido nas súas primeiras décadas por axencias editoriais, que en moitas ocasións usaban autores anónimos, ata acabar por se converter nun xénero reivindicador de nomes propios, con autores de primeira magnitude que elaboraron nel obras de gran calado: Jean Giraud, Charlier, Bonelli, Hugo Pratt, Hermann, Rosinski, Van Hamme, Joann Sfar...

Nesta selección de autores destaca un bo feixe de españois que cultivaron a temática con grande acerto, como é o caso de Carlos Giménez, Alfonso Font, Jordi Bernet, Hernández Palacios ou Luis Durán.

Esta exposición pode verse na Casa Museo Picasso (rúa Payo Gómez 14 baixo, 15004 A Coruña) desde o 26 de xullo ata o 20 de setembro de 2021, cun horario de 11:00 a 13:30 e de 18:00 a 20:00 entre martes e sábado, e de 12:00 a 14:00 os domingos e festivos. En setembro acollerá varias actividades paralelas, como unha conferencia do especialista Manuel López Poy (escritor, xornalista e guionista) e un faladoiro co propietario da colección, Ton Pedraz.