Como complemento á exposición A miña revista favorita, que pode visitarse ata o próximo 14 de decembro na Casa Museo Picasso (rúa Payo Gómez 14, 15004 A Coruña) dentro do programa Coruña Gráfica, desenvolveranse dúas actividades relacionadas: o xoves 25 de novembro, ás 18.30, unha revisión de cartafoles destinada a ilustradores e estudantes de ilustración, a cargo do editor e ilustrador Manel Cráneo; e o sábado 27, ás 12.30, un faladoiro sobre o pasado, o presente e o futuro das revistas de BD.
A revisión de cartafoles é unha actividade pensada para ilustradores e ilustradoras profesionais e mais para estudantes de ilustración que queiran coñecer opinións sobre un proxecto editorial ou saber por onde enfocar o seu estilo gráfico para encaixar mellor no mercado laboral. Manel Cráneo, director da plataforma Coruña Gráfica, autor e editor de banda deseñada e produtor cultural con 25 anos de experiencia no sector gráfico, ofrecerá consellos personalizados e resolverá dúbidas na propia Casa Museo Picasso. As persoas interesadas deberán inscribirse antes do 24 de novembro enviando un correo electrónico a info@demoeditorial.com. A participación é totalmente gratuíta, pero só hai 10 prazas, que se asignarán por estrita orde de chegada.
O faladoiro As revistas de BD contará coa presenza de Juanjo El Rápido, Javier de la Rosa e Manel Cráneo. Xuntos, reflexionarán acerca do futuro das revistas de cómic.
Juanjo El Rápido, autor de cómic e editor madrileño, ten sido promotor de numerosas revistas, como La Más Bella, Idiota y Diminuto, TOS, Humo, La Resistencia e La Residencia de Historietistas. Tamén ten colaborado noutras publicacións, como en Como Vacas Mirando el Tren ou Dos Veces Breve, e en volumes colectivos, como Plagio de encantes (Sins Entido).
Pola súa parte, Javier de la Rosa é licenciado en Belas Artes en Sevilla, e ademais cursou estudos en Barcelona e Valencia. Nos oitenta e os noventa realizou ilustracións e cómics en publicacións como Cairo, Madriz o El Canto de la Tripulación. En 2002 fundou o estudio Milicia Gráfica, que segue a dirixir hoxe, asentado na Coruña.
Finalmente, Manel Cráneo, autor e editor, ten obras publicadas en revistas como BD Banda, Barsowia, Dos Veces Breve, Subterfuge Comics, Golfiño, Altar Mutante ou La Resistencia. Colaborou en volumes colectivos como Fito y Fitipaldis, Artículo 20 ou H2Oil, e publicou os álbums Dámsmitt (con guión de Kike Benlloch), Os lobos de Moeche, Cousas de mortos, A Fraga Milmañas (con guión de Carlos Amil) e Destino Hërgüss.
Os convidados falarán arredor da época dourada das revistas de banda deseñada españolas, os motivos da súa progresiva extinción, as alternativas que existen na actualidade e as súas propias experiencias persoais como colaboradores dalgunhas das cabeceiras que forman a mostra e tamén como editores de banda deseñada.
A entrada para este faladoiro é libre e gratuíta, ata completar a capacidade da sala.
A exposición A miña revista favorita reúne trinta dos máis importantes autores e autoras da banda deseñada española en homenaxe ás revistas de cómic históricas, desde o TBO ata El Jueves, pasando por Chicos, Tío Vivo, Tótem, 1984 ou Creepy. A lista de autores, na que se inclúen varios premios nacionais e premios do Salón do Cómic de Barcelona, representa un auténtico repaso a moi diferentes xeracións de influentes debuxantes de banda deseñada, con nomes do nivel de Federico del Barrio (Silvestre), LPO, Max, Sento, Laura Pérez Bernetti, Javier Olivares, José Luis Ágreda, Raquel Alzate, Fermín Solís, Miguel Ángel Martín ou Toña Santolaya. A mostra pode visitarse, con entrada libre e gratuíta, de martes a sábado entre 11:00 e 13:30 e de 18:00 a 20:00, e os domingos e festivos, de 12:00 a 14:00.