Tags: ilustración, industria, produción gráfica, imprenta, publicidade
Facendo un exercicio de arqueoloxía da ilustración coruñesa e atendendo a traballos que foron editados por primeira vez na cidade, atopamos datos relevantes e de grande importancia para o desenvolvemento da profesión a nivel local. Habería que escavar nos albores do século xx, especialmente nas dúas primeiras décadas, para achar probas tanxibles. Foi neste período histórico onde medraron empresas de produción gráfica como Imprenta y Fotograbado Moret, Litografía e Imprenta Lorman, Fotograbado Ferrer e Litografía e Imprenta Roel. Esta última estaba na avenida de Fisterra, fronte á antiga localización da fonte de Santa Margarida, e foi un centro de produción de publicacións periódicas, libros e cartelería nun momento de gran demanda da ilustración gráfica; por ela pasaron obras de grandes nomes galegos do panorama internacional durante o modernismo, como por exemplo Federico Ribas Montenegro, ilustrador vigués coñecido polas súas colaboracións na revista Blanco y Negro. Probablemente foi tamén o lugar no que outros autores locais pioneiros da profesión perderon o seu nome no esquecemento co paso das décadas entre as desaparecidas ruínas do edificio.
A empresa albergou a produción das diferentes variantes do grafismo, como o humor gráfico, a caricatura ou a ilustración editorial, e por destacado dese tempo temos a Álvaro Cebreiro, unha sinatura artística con forte implicación política, colaborador de revistas como a emblemática Nós: un referente indubidable da caricatura galega. Carlos Maside é outro exemplo destacado de ilustrador e debuxante que captou a tradición costumista galega, recoñecidamente influenciado polo expresionismo alemán e a estampa xaponesa.
Sen dúbida ningunha, un dos datos máis destacados desta breve viaxe ás orixes da ilustración editorial na cidade é o de nos atopar con algúns dos primeiros debuxos de Castelao na cabeceira Coruña Cómica, editada en Roel na segunda década do século xx. Era unha sorte de publicación destinada ao público infantil de ámbito local. Desta revista sabemos que viron a luz seis números. Publicou Castelao nela alá polo ano 1914. O derradeiro número desta iniciativa editorial foi un pouco máis escuro que os anteriores: mudou a cabeceira habitual pola de Coruña Fúnebre, facendo gala do humor negro e a retranca cortante propia dunh a cidade que se fai chamar de cristal. A portada dese derradeiro número, reproducida nestas páxinas, ben podería ser o xermolo da cuberta deste libro, onde a caveira de Xerión, extraída do logotipo municipal, cambia os fémures que a acompañan por ferramentas de debuxo, lembrándonos que o pasado da ilustración gráfica coruñesa está máis presente ca nunca, descontado o cartelismo, tan importante na época e peza fundamental da ilustración publicitaria. Todo isto é unha proba evidente de que a ilustración era xa nesta época un oficio con intención industrial grazas á implantación das novas técnicas de impresión industriais entre os ilustradores coruñeses.