Anos 70: pioneiros coruñeses da banda deseñada galega

Xulio Carballo

30 Out, 2017

Tags: banda deseñada, humor, obra mural, fanzine

’O home que falaba vegliota’, de Reimundo Patiño

Malia que algúns dos egrexios humoristas galegos, como Castelao ou Álvaro Cebreiro, xa se tiñan achegado á novena arte cos seus contos galegos, ou mesmo Enrique Pardo ou Xan Navarro contaban cunha tira deseñada de personaxe fixo, habería que agardar até os anos setenta para que a novena arte despegase no noso país de maneira firme e decidida. E faríao da man dun superheroe procedente dunha afastada galaxia, que, na súa aparencia humana (agochada tras os seus grandes anteollos), escollería o nome de Reimundo Patiño e a cidade da Coruña como lugar de chegada e partida ao noso mundo. A el lle debemos non só unha profunda teorización sobre a BD senón tamén algunhas das máis transcendentais obras, como o primeiro álbum de banda deseñada galega, 2 viaxes (1975), xunto con Xaquín Marín, ou a xoia mural O home que falaba vegliota (1972), que serviría de referente ás novas fornadas de mozos inquedos para se decidiren a achegarse a esta nacente arte no noso país.

Da visualización desta obra mural xurdiría o Grupo de Cómic do Castro, formado por Xosé e Rosendo Díaz (A Coruña, 1947 e 1949, respectivamente) xunto con Luís Esperante (A Coruña, 1952) e Xesús Campos (Tenerife, 1952 – Compostela, 1991), que xa no verán dese ano 1972 tentarían realizar a primeira exposición de banda deseñada galega nas festas do Castro (Sada), a cal, finalmente, após «chivatazo», sería retirada pola Garda Civil. Non sería este o único atranco, posto que, en maio do ano seguinte, a censura volvería facer acto de presenza, desta volta polas «autoridades paternais» do Colexio Dominicos da Coruña. Porén, en febreiro dese ano conseguiran levar adiante a súa exposición na Escola Normal desta mesma urbe. Tamén da man deste grupo xurdiría a primeira revista de banda deseñada galega, A Cova das Choias, editada desde Suíza e vendida clandestinamente no noso país, aínda baixo o xugo da ditadura.

Non podemos esquecer que fora precisamente o pai de Xosé e Rosendo Díaz, Isaac Díaz Pardo (Compostela, 1920 – A Coruña, 2012), quen realizara xa en 1970 os seus Cantares de cego (O marqués de Sargadelos, Paco Pixiñas e A nave espacial), co que se converteu tamén nun dos pioneiros, aínda que dunha maneira tanxencial, desta arte en Galiza.

Xa no solpor desta década, sería outro coruñés, Miguelanxo Prado (A Coruña, 1958), quen daría os seus primeiros pasos, que posteriormente o levarían a converterse no noso máis importante e internacional autor. Sería da man do colectivo Xofre, formado xunto con Fran Jaraba e Xan Carlos López Domínguez, desde o cal sacarían adiante o primeiro fanzine de banda deseñada galega, Xofre, que marcaría un punto de inflexión cara ao abrente dos anos oitenta.