O pulo da ilustración coruñesa actual

Henrique Torreiro

30 Out, 2017

Tags: ilustración, obra gráfica, banda deseñada, animación, autodidactismo, creatividade

É evidente o potencial numérico da ilustración coruñesa, mais tamén o destacabilísimo nivel da obra gráfica que ofrece. Aínda que resulte tópico, unha das formas de obxectivar esta segunda afirmación está, precisamente, na cantidade destes e destas profesionais que están a triunfar en mercados internacionais moi esixentes, en calquera dos ámbitos (desde a ilustración entendida no seu concepto máis tradicional ata a banda deseñada e a animación). A Coruña é hoxe un dos focos de atención da ilustración. Tanto é así que mesmo hai uns cantos exemplos importantes de autores e autoras vidos non só doutras partes de Galicia, senón do resto do Estado.

Se nos preguntamos o porqué desta vitalidade, o que está a pasar na Coruña enmárcase nun proceso xeral nesta parte do mundo, especialmente no ámbito peninsular e estatal. En moi poucos anos, deixamos atrás un estado de cousas en que non só era que a ilustración fose unha manifestación cultural case descoñecida socialmente, senón que os seus propios profesionais vivían illados sen teren unha consciencia real de grupo. Por iso non é esaxerado dicir que un dos factores de cambio foi a creación, a comezos deste século, da Asociación Galega de Profesionais da Ilustración. A isto hai que engadir, naturalmente, a existencia de internet e, con ela, das redes sociais. O contacto con outros membros da profesión foi facéndose progresivamente máis amplo, e este factor tamén explica parcialmente os maiores coñecementos técnicos, co intercambio de consellos a través de foros electrónicos, e o fácil acceso a páxinas e vídeos explicativos das máis diversas formas de producir ilustracións; o autodidactismo é cada vez máis relativo. Con todo, a este respecto a importancia das escolas de arte e as facultades de belas artes é innegable. É difícil explicar se a relación concreta deste feito coa explosión creativa que vive a ilustración responde a unha focalización xeneralizada dos intereses persoais nunha fórmula de «arte aplicada e autoral», se a creatividade antes se canalizaba doutras formas ou se é que agora realmente hai máis creatividade. Porén, a crise económica tivo seguramente tamén algo que ver, como contrapartida de todo o negativo que trouxo consigo: ante a imposibilidade real de exercer algunhas profesións antes consideradas economicamente seguras, abriuse para moitas persoas a posibilidade de dedicarse —ou polo menos intentalo— a aquilo que realmente as motivaba e que noutras circunstancias non se atreverían a probar.

O certo é que a valoración de todo o gráfico está hoxe, afortunadamente, en auxe na nosa sociedade, como resultado dunha serie de pezas que foron engrenándose paseniñamente. Algúns cambios que xa se perciben na sociedade semellan difíciles de desfacer. A ilustración xa non está ligada só á literatura infantil, e ten, polo menos en parte das súas manifestacións, certo status de «arte maior». Seguindo o ronsel da crecente aceptación social da banda deseñada baixo a etiqueta de «novela gráfica», cada día é máis común o libro ilustrado concibido directamente para público adulto. A animación comezou a ser tamén un medio de expresión dirixido a públicos de todas as idades, e os seus modos de produción permiten abordar proxectos sen necesidade de investimentos exorbitados. Alén diso, a ilustración de autor chega tamén ao téxtil e ao deseño de produto, e reforza a súa presenza en prensa tradicional e dixital, ao tempo que os ilustradores son cada vez máis axentes activos na produción das súas obras, e non só receptores de encargos. Oxalá ademais as condicións económicas da profesión de ilustrador melloren para que todos os logros destes anos poidan asentarse de forma definitiva.