A exposición ‘Desde Coruña con humor’ poderá visitarse ata o 31 de xaneiro

Novas actividades de Coruña Gráfica

O proxecto conta cunha versión ampliada da guía dixital de ilustración e unha web propia

27 Nov, 2017

Tags: ilustración coruñesa, humor gráfico, actividades, exposición, talleres, mesas redondas, guía

Esta mañá presentáronse publicamente as novas actividades do proxecto Coruña Gráfica, que desde hoxe conta coa súa propia web (corunagrafica.com) con novas fichas de ilustradores e ilustradoras da cidade da Coruña e a súa área de influencia, así como versións da guía ampliada en PDF, tanto en versión bilingüe galego-castelán como en versión en inglés.

A guía pasa de 69 a 91 autores e autoras, coa intención de seguir medrando e ser un escaparate para o sector gráfico local. Dentro dese obxectivo, a súa tradución ao inglés é un paso máis para unha maior internacionalización do proxecto.

Coruña Gráfica, nacida en 2015 como guía en papel e dixital e que en 2016 deu tamén lugar a unha exposición coas obras dos autores e autoras presentes na guía, frutifica agora ademais nun programa de actividades focalizadas por vez primeira nunha área concreta das abranguidas polo sector da ilustración: o humor gráfico. A través dunha exposición centrada na obra de 18 ilustradores e ilustradoras, titulada Desde Coruña con humor (que poderá visitarse na Casa da Cultura Salvador de Madariaga entre o 30 de novembro e o 31 de xaneiro próximo), o programa inclúe ademais, durante o mes de decembro, o encontro «Humor gráfico con tetas», os «Obradoiros de Humor Inocente» e a «Xornada de Humor Inocente». 

«Humor gráfico con tetas» consistirá en dúas xornadas «na procura de canles para reflexionar sobre feminismo potenciando o humor gráfico como ferramenta», o 1 e 2 de decembro na Casa Museo Casares Quiroga, e incluirá unha charla e unha mesa redonda coa profesora María José Mosquera e as ilustradoras María Álvarez Hortas ‘Yupiyeyo’ e Xulia Pisón, e mais un obradorio sobre humor gráfico en feminino. Os «Obradoiros de Humor Inocente» desenvolveranse os sábados 16, 23 e 30 de decembro en tres das bibliotectas municipais, dirixidos a rapaces e rapazas de entre 12 e 16 anos e impartidos polo ilustrador Alberto Guitián. A «Xornada de Humor Inocente», pola súa parte, contará con dúas conferencias e unha mesa redonda sobre humor, coa presenza de Siro, Manel Fontdevila, Santy Gutiérrez e Leandro Barea, no Centro Ágora o 28 de decembro.