Desde o 14 de outubro, na sala de exposicións da Casa Museo Picasso da Coruña

Exposición ‘A miña revista favorita’

30 autores e autoras homenaxean as revistas de cómic

13 Out, 2021

Tags: banda deseñada, ilustración, historia da BD

Cartel da exposición, sobre ilustración de Max

Mañá, xoves 14 de outubro, inaugúrase na Casa Museo Picasso (rúa Payo Gómez 14, 15004 A Coruña), dentro do programa Coruña Gráfica, unha exposición que reúne trinta dos máis importantes autores e autoras da banda deseñada española en homenaxe ás revistas de cómic históricas, desde o TBO ata El Jueves, pasando por Chicos, Tío Vivo, Tótem, 1984 ou Creepy.

O proxecto xurdiu no número 6 da revista La Residencia de Historietistas (da editorial Nuevo Nueve), que lles propuxo aos seus colaboradores facer unha homenaxe ilustrada a revistas de BD que fosen dalgunha forma influentes no medio, e tamén, dalgún xeito, neles mesmos. Esta exposición mostra todos eses traballos, e acompáñaos de exemplares físicos desas revistas cun breve texto que contextualiza e permite botar luz sobre a historia do medio en España.

A lista de autores, na que se inclúen varios premios nacionais e premios do Salón do Cómic de Barcelona, representa un auténtico repaso a moi diferentes xeracións de influentes debuxantes de banda deseñada, con nomes do nivel de Federico del Barrio (Silvestre), LPO, Max, Sento, Laura Pérez Bernetti, Javier Olivares, José Luis Ágreda, Raquel Alzate, Fermín Solís, Miguel Ángel Martín ou Toña Santolaya.

Co repaso histórico que supón esta exposición, podemos ver as primeiras revistas populares e tamén o nacemento de revistas especializadas, que reivindican o valor cultural dos bos cómics, e de publicacións que abren as súas páxinas a novos valores e van conseguindo dotar de talentos creativos tanto os mercados máis masivos como os máis minoritarios.

A lista completa de revistas e autores é: TBO, por Manolo Hidalgo; Chicos, por Juan Berrio; DDT, por Max; Pumby, por Toña Santolaya; El Capitán Trueno, por Sento; Tío Vivo, por Juanjo El Rápido; Trinca, por Javier Olivares; Lily, por Miguel Ángel Martín; Drácula, por Borja Sumozas; Vampirella, por José Luis Ágreda; 5 por Infinito, por Calo; The Spirit, por Laura Pérez Vernetti; Troya, por LPO (Luis Pérez Ortiz); Tótem, por Amelia Navarro; El Jueves, por Pablo Velarde; 1984, por Pedro Villarejo; Creepy, por Mar Ferrero; Bésame Mucho, por Fermín Solís; Métal Hurlant, por Josep Rural; Cairo, por Antonio Navarro; La Granada de Papel, por Joaquín López Cruces; Madriz, por Silvestre (Federico del Barrio); Zona 84, por Manel Cráneo; Más Madera, por Álex Fito; Guai!, por Jali; I.M.AJ.EN de Sevilla, por Fidel Martínez; Medios Revueltos, por Toño Benavides; Paté de Marrano, por Albertoyos; TOS, por Felipe H. Navarro; e Cthulhu, por Raquel Alzate.

A exposición poderá visitarse, con entrada libre e gratuíta, ata o próximo 14 de decembro, de martes a sábado entre 11:00 e 13:30 e de 18:00 a 20:00, e os domingos e festivos, de 12:00 a 14:00.