Patrimonio Vivo

José Manuel Sande

31 Out, 2017

Tags: creadores coruñeses, banda deseñada, animación, ilustración

José Manuel Sande (foto: Alberte Peiteavel)

Este apoio a unha arte consolidada, partícipe dun proceso de esplendor creativo, ben podería resultar unha redundancia. É obvio que o resultado da publicación que aquí tedes, auténtico privilexio para o Concello e a Deputación da Coruña, contén a esencia dun triunfo indiscutido: o de varias xeracións de creadores coruñeses ou vinculados á Coruña, capaces de artellar con talento, ilusión e espírito rebelde toda unha paixón, a banda deseñada, a animación, o universo da ilustración.

A tarefa titánica de cartografar este cosmos, tan persoal como de afortunada versatilidade, ofrece unha suxestiva guía. A importancia profesional desta obra e o desenfado dunha práctica que se combina con outros rexistros, inaugurando vías de exploración contemporáneas con estímulo lector, explican a súa complexa relación co poder, as dificultades co oficialismo, a necesidade de subversión de dogmas dignos de bocexo. A ironía é pecado para o arrogante; o carácter incisivo, nudez do poderoso; a imaxe, trazada evocación doutras vidas soñadas. E un ás veces pensa no humor e a fantasía, en boa medida tan ausentes das prácticas artísticas e culturais, como elementos indisociables, sinais distintivos destas disciplinas.

A sublimación desta idea en papel presenta nas seguintes páxinas unha convivencia a modo de retablo que vai dos trazos máis finos ao vigor desamañado do underground, da falcatruada ao relato burgués, un itinerario onde a histórica imprenta Roel —un lembra as súas abraiantes ruínas— se mestura coa iniciática publicación Coruña Cómica, e a esencial cita estival de Viñetas desde o Atlántico viaxa co espertar do cine de animación, mentres fanzines e historietas remiten sempre á efervescencia da etapa da transición máis salvaxe e necesitada de diagnose.

Atoparedes un itinerario histórico cheo de matices e xiros semánticos, un catálogo de voces e visións que se por un lado permite superar o tardío recoñecemento acadado, por outro comeza a elaborar un opulento imaxinario, un antroido deseñado por 69 creadores desexosos de proseguir o seu labor. Un antroido canónico e desenvolto que discorre in crescendo: audaz, enérxico, plural, lúdico. E posúe vida propia.