Exposición de ilustración

«100 anos da bandeira galega no Palacio Municipal da Coruña»

Desde o 1 ata o 25 de xullo de 2021, na sala de exposicións do Palacio Municipal

30 Xuñ, 2021

Tags: ilustración, ilustración coruñesa, banda deseñada,

O 25 de xullo de 1921, a bandeira galega ondeou nun edificio institucional por primeira vez na historia. A Asemblea Nacionalista Galega (con figuras como Vicente Risco, Antón Losada Diéguez ou Ramón Otero Pedrayo) enviara previamente unha solicitude aos principais concellos galegos. O Concello da Coruña, representado naquel momento polo alcalde Antonio Lens Vieira, foi o único que aprobou a iniciativa, que ficou recollida no libro de actas municipal. O acto estivo impulsado na corporación municipal da Coruña polo edil republicano nacionalista galego Lois Peña Novo.

A mostra 1921-2021. 100 anos da bandeira galega no Palacio Municipal da Coruña achéganos a este fito histórico para lembrarnos que o comezo do uso da bandeira como elemento identitario da nosa cultura ten relación directa coa cidade da Coruña, pois a bandeira da provincia marítima coruñesa foi inspiración para a escolla dunha bandeira para os emigrantes que saían do porto coruñés con destino ao continente americano. A primeira chegada da bandeira a un edificio institucional foi un acontecemento que marcou un punto de luz e esperanza para gran parte da comunidade galega, nunha época de crise, de conflitos bélicos coloniais e de axitación política.

Partindo de documentos históricos como a acta municipal na que se aprobaba que a bandeira fose izada no Palacio Municipal o 25 de xullo de 1921, ou recortes da prensa da época, os guionistas e investigadores Manuel López Poy e Manel Cráneo, co asesoramento histórico do historiador Xosé Alfeirán, realizaron para esta mostra un módulo de banda deseñada histórica debuxado por Alberto Taracido e Rubén Rial. Trátase dun cómic en dous actos que permite aos visitantes entender o nacemento e a evolución da bandeira galega desde finais do s. XIX ata 1921, ano en que se iza por primeira vez nunha institución, o Palacio Municipal da Coruña.

Para completar a proposta expositiva, unha selección de ilustradores e ilustradoras, principalmente da plataforma Coruña Gráfica, ofrecen a súa homenaxe artística de xeito desenfadado e actual. Partindo do símbolo icónico, cada un deles dá a súa visión persoal da bandeira e dos diversos contextos en que se pode encontrar, prestando especial atención a algúns elementos propios da identidade galega. Os participantes son: Branda, Uxío Broullón, Aurora Cascudo, Iria do Castelo, Miguel Cuba, Alberto Díaz, Brais Fierro, Héctor Francesch, Alberto Guitián, Uxía Larrosa, Antón Lezcano, Jorge Peral, Perdivel, Xulia Pisón, Javier de la Rosa, Irene Sanjuán, Luis Sendón e Calros Silvar.

A mostra está comisariada por Manel Cráneo e Henrique Torreiro, e poderase ver na sala de exposicións do Palacio Municipal, con entrada libre. A exposición poderase visitar desde entón ata o 25 de xullo, Día de Galicia. O horario, de luns a domingo, é de 12:00 a 14:00 e de 18:00 a 21:00.