A Deputación da Coruña apoia a itinerancia da mostra por concellos da provincia

Exposición ‘100 anos da bandeira galega no Palacio municipal da Coruña’ en Sada

Do 10 de decembro de 2021 ao 10 de xaneiro de 2022 na Casa da Cultura de Sada

10 Dec, 2021

Tags: ilustración, ilustración coruñesa, banda deseñada

Desde hoxe ata o vindeiro 10 de xaneiro de 2022, pode visitarse na Casa da Cultura de Sada (avenida do Porto, 15160 Sada) a mostra 1921-2021. 100 anos da bandeira galega no Palacio Municipal da Coruña, composta por dúas bandas deseñadas de recreación histórica e mais 18 ilustracións relativas a esta efeméride, todas elas realizadas ex profeso por autores coruñeses ou directamente relacionados coa cidade. A exposición, que se puido visitar este verán no Palacio municipal, impulsada polo Concello da Coruña, comeza agora unha itinerancia por diversos concellos da provincia, grazas ao apoio da Deputación da Coruña.

A exposición conmemora o feito histórico de que o 25 de xullo de 1921 ondease a bandeira nun edificio institucional por primeira vez na historia, nunha iniciativa da Asemblea Nacionalista Galega que contou co impulso do edil Lois Peña Novo, na corporación presidida polo alcalde Antonio Lens Vieira.  

Os guionistas e investigadores Manuel López Poy e Manel Cráneo, co asesoramento histórico do historiador Xosé Alfeirán, realizaron para a mostra un módulo de banda deseñada histórica debuxado por Alberto Taracido e Rubén Rial. Trátase dun cómic en dous actos que lles permite aos visitantes entender o nacemento e a evolución da bandeira galega desde finais do s. XIX ata 1921, ano en que se iza por primeira vez no Palacio municipal da Coruña.

Para completar a proposta expositiva, unha selección de ilustradores e ilustradoras, principalmente da plataforma Coruña Gráfica, ofreceron a súa homenaxe artística de xeito desenfadado e actual. Partindo do símbolo icónico, cada un deles deu a súa visión persoal da bandeira e dos diversos contextos en que se pode encontrar, prestando especial atención a algúns elementos propios da identidade galega. Os participantes foron: Branda, Uxío Broullón, Aurora Cascudo, Iria do Castelo, Miguel Cuba, Alberto Díaz, Brais Fierro, Héctor Francesch, Alberto Guitián, Uxía Larrosa, Antón Lezcano, Jorge Peral, Perdivel, Xulia Pisón, Javier de la Rosa, Irene Sanjuán, Luis Sendón e Calros Silvar.

A mostra, comisariada por Manel Cráneo e Henrique Torreiro, pode visitarse na Casa da Cultura de Sada, con entrada libre, entre as 9:00 e as 14:00 e entre as 16:00 e as 20:00, de luns a venres.