Ata o 10 de febreiro de 2022

«100 anos da bandeira galega» en Santiago de Compostela

Na Casa das Asociacións de Cornes

13 Xan, 2022

Despois do seu paso por Sada, xa se pode visitar a exposición «1921-2021. 100 anos da bandeira galega no Palacio Municipal da Coruña» en Santiago de Compostela. Estará ata o 10 de febreiro de 2022 na Casa das Asociacións, antiga estación de Cornes (rúa de Manuel Beiras, 3, 15706 Santiago de Compostela).

A exposición, composta por dúas bandas deseñadas de recreación histórica e mais 18 ilustracións relativas a esta efeméride, todas elas realizadas ex profeso por autores coruñeses ou directamente relacionados coa cidade, puido visitar este verán no palacio municipal herculino, impulsada polo Concello da Coruña, e en decembro comezou unha itinerancia por diversos concellos da provincia, grazas ao apoio da Deputación da Coruña.

As próximas datas confirmadas desta itinerancia serán: Ribeira, a partir do venres 11 de febreiro; Carballo, a partir do mércores 9 de marzo; e San Sadurniño, a partir do luns 11 de abril. 

A exposición conmemora o feito histórico de que o 25 de xullo de 1921 ondease a bandeira nun edificio institucional por primeira vez na historia, nunha iniciativa da Asemblea Nacionalista Galega que contou co impulso do edil Lois Peña Novo, na corporación presidida polo alcalde Antonio Lens Vieira.  

Os guionistas e investigadores Manuel López Poy e Manel Cráneo, co asesoramento histórico do historiador Xosé Alfeirán, realizaron para a mostra un módulo de banda deseñada histórica debuxado por Alberto Taracido e Rubén Rial. Trátase dun cómic en dous actos que lles permite aos visitantes entender o nacemento e a evolución da bandeira galega desde finais do s. XIX ata 1921, ano en que se iza por primeira vez no Palacio municipal da Coruña.

Para completar a proposta expositiva, unha selección de ilustradores e ilustradoras, principalmente da plataforma Coruña Gráfica, ofreceron a súa homenaxe artística de xeito desenfadado e actual. Partindo do símbolo icónico, cada un deles deu a súa visión persoal da bandeira e dos diversos contextos en que se pode encontrar, prestando especial atención a algúns elementos propios da identidade galega. Os participantes foron: Branda, Uxío Broullón, Aurora Cascudo, Iria do Castelo, Miguel Cuba, Alberto Díaz, Brais Fierro, Héctor Francesch, Alberto Guitián, Uxía Larrosa, Antón Lezcano, Jorge Peral, Perdivel, Xulia Pisón, Javier de la Rosa, Irene Sanjuán, Luis Sendón e Calros Silvar.

A mostra, comisariada por Manel Cráneo e Henrique Torreiro, pode visitarse na Casa das Asociacións de Santiago de Compostela, con entrada libre.