Continúa a itinerancia da mostra «1921-2021. 100 anos da bandeira galega no Palacio Municipal da Coruña». Despois da súa estadía en Sada e en Santiago de Compostela, desde onte está exposta no Centro Cultural Lustres Rivas (rúa Manuel Lustres Rivas, 20, 15960 Ribeira), e alí poderá visitarse, con entrada libre e gratuíta, ata o 8 de marzo de 2022 (de luns a venres, desde as 10:00 ata as 14:00 e desde 19:00 ata as 21:00, e os sábados de 10:00 a 14:00).
A exposición, composta por dúas bandas deseñadas de recreación histórica e mais 18 ilustracións relativas a esta efeméride, todas elas realizadas ex profeso por autores coruñeses ou directamente relacionados coa cidade, puido visitarse este verán no palacio municipal herculino, impulsada polo Concello da Coruña, e en decembro comezou unha itinerancia por diversos concellos da provincia, grazas ao apoio da Deputación da Coruña.
A exposición conmemora o feito histórico de que o 25 de xullo de 1921 ondease a bandeira nun edificio institucional por primeira vez na historia, nunha iniciativa da Asemblea Nacionalista Galega que contou co impulso do edil Lois Peña Novo, na corporación presidida polo alcalde Antonio Lens Vieira.
Participan na exposición os guionistas e investigadores Manuel López Poy e Manel Cráneo (co asesoramento histórico do historiador Xosé Alfeirán) e mais os ilustradores Alberto Taracido e Rubén Rial (na parte de BD) e mais Branda, Uxío Broullón, Aurora Cascudo, Iria do Castelo, Miguel Cuba, Alberto Díaz, Brais Fierro, Héctor Francesch, Alberto Guitián, Uxía Larrosa, Antón Lezcano, Jorge Peral, Perdivel, Xulia Pisón, Javier de la Rosa, Irene Sanjuán, Luis Sendón e Calros Silvar.
Pode accederse a máis información sobre a exposición aquí.